Este luns, 12 de maio, celébrase o Día Mundial da Fibromialxia e da Síndrome da Fatiga Crónica, unha efeméride instituída no ano 1993 co obxectivo fundamental de informar e sensibilizar a poboación sobre estes trastornos e as necesidades dos afectados e os seus familiares.
Recoñecida como enfermidade pola Organización Mundial da Saúde (OMS) no ano 1992, a fibromialxia é unha síndrome clínica de orixe descoñecida caracterizada pola presentación de dor crónica xeneralizada do aparato locomotor, o que leva consigo unha diminución significativa da calidade de vida dos afectados.
Ademais, a fibromialxia, que afecta principalmente á poboación nova -o inicio dos síntomas adoita ter lugar entre os 20 e os 40 anos de idade- tamén pode cursar con outros síntomas, caso da fatiga intensa, as alteracións do sono, a ansiedade e a depresión, a rixidez matutina ou as cefaleas.
A data escollida para este Día Mundial, 12 de maio, conmemora o nacemento, en 1820, de Florence Nightingale, considerada unha das pioneiras da enfermaría moderna.
En España, a fibromialxia afecta a un 2-3%-3 da poboación, moi especialmente as mulleres, nas que a prevalencia podería elevarse a un 3-6%-6.
Con motivo desta efeméride, a asociación Acofifa (Asociación coruñesa de fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e sensibilidade química múltiple) colocará diversas mesas informativas na nosa cidade para sensibilizar á poboación, e recadar fondos co fin de poder seguir investigando sobre esta enfermidade.
En Graficas Mera dentro da nosa responsabilidade social corporativa estamos orgullosos de colaborar con esta asociación sen ánimo de lucro nun día tan especial para eles.
Así doamos mil tacos de notas para repartir a todos aqueles que se acheguen a informar nas mesas de Acofifa.
Está acción, ao igual que unha similar que levamos a cabo hai pouco coa asociación española contra o cancro, simplemente queren ser un acicate para que todos nós comprendamos a importancia de involúcrarnos, dentro das posibilidades de cada un, na mellora social do noso ámbito.
Grazas a Acofifa polo seu labor e aquí nos tedes.