Á hora de publicar unha obra impresa, sexa libro, folleto, material audiovisual, etc. é necesario ter uns coñecementos sobre as necesarias inscricións legais que leva consigo a publicación da nosa obra.
Estas inscricións son sinxelas e xeran uns dereitos sobre estas de grande importancia para a tranquilidade do autor.
Imos ver agora a máis común de todas elas, o depósito legal:
O depósito legal créase en Francia e Inglaterra no século XVI. Consistía en deixar en depósito na biblioteca da propiedade intelectual do país, un número determinado de exemplares de cada obra editada nese país.
En España, Felipe V, por Real Cédula do 15 de outubro de 1716, concedeu á Biblioteca Real (actual Biblioteca Nacional) o privilexio de recibir un exemplar de cantos libros e papeis imprimísense no noso país. Esta norma mantense dende entón.
En 1761, establécese que os impresores deben entregar un exemplar de todo o que impriman antes de poñer á venda a obra.
En 1938, inclúense, entre o material que debe entregarse, as reproducións fotográficas, as obras cinematográficas e as pezas de gramófono e en 1945 xa se ingresan os primeiros discos.
Na actualidade, en España, están obrigados a efectuar o depósito legal os editores de publicacións, sendo os principais obxectivos do Depósito Legal:
– A recompilación e preservación dunha colección nacional de materiais bibliográficos de todo tipo.
. – A redacción e publicación da bibliografía nacional.
. – O control estatístico da produción editorial.
. – A constitución de coleccións bibliográficas rexionais ou locais.
A misión do Depósito Legal é recoller, conservar e difundir o noso patrimonio bibliográfico e documental.
O número de Depósito Legal fórmase polos seguintes elementos:
. – As siglas correspondentes a cada provincia ou localidade.
. – O número de inscrición dado pola oficina que corresponda ao depósito, tendo en conta que ao finalizar cada ano se pechará a numeración e se iniciará ao comezar o seguinte.
. – O ano de constitución do depósito en cifras arábicas.
Exemplo: C 32-2009
A normativa do depósito legal pode variar en cada comunidade polo que recomendamos acudir ás respectivas consellarías de cultura para informarse sobre este.
En Galicia poden solicitar toda a información necesaria na páxina: http://www.csbg.org/depositolegal/